Friday 26 de April de 2024

Abegondo contrata o servizo de atención temperá que desenvolve xunto a Bergondo e Carral


• O investimento será de 114.000 euros anuais

• A adxudicación valorará as opcións de terapia con animais e de fisioterapia

O Concello de Abegondo tramita a contratación do servizo de atención temperá que leva a cabo xunto cos concellos de Bergondo e Carral. Os alcaldes dos tres municipios decidiron continuar co servizo tras comprobar o bo resultado nos meses piloto.

O investimento que destinarán a esta prestación será de 114.070,40 euros ao ano. A duración do servizo establécese nun ano, que será prorrogable por outro máis. O Concello de Abegondo tramita a licitación ao exercer de coordinador do mesmo.

O servizo ten como obxecto dar resposta ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar a súa autonomía persoal e a inclusión social. Está dirixido á poboación de 0 a 6 anos, á súa familia e a súa contorna.

O equipo de profesionais estará composto por profesional da psicoloxía, da logopedia e da terapia ocupacional. Na licitación requírese que o persoal estea especializado en desenvolvemento infantil.
Nos criterios de adxudicación, valorarase a prestación de servizos complementarios para beneficiar aos usuarios. Así, outórganse puntos por servizos de terapia con animais, fisioterapia e actividades de sensibilización.

O servizo comprenderá as seguintes prestacións: diagnose e valoración dos trastornos do desenvolvemento dos nenos/ as, desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, da autonomía, da área social e afectiva. E os labores de apoio, información, habilitación e formación da familia.